Venres 15 abril de 2005 • 22:00 h Música | Entrada gratuíta
Festa Raï:
Cheb Bilal, Rachid Taha, Natacha Atlas, Khalid, Khaled, Cheikha Rimitti,…son nomes que poden soar máis ou menos en occidente, máis nos seus países de orixe son xa os números un do RAÏ. Música para a danza, a proxección actual das músicas populares do mundo árabe, a súa modernización, é dicer: o que soa hoxe por aló. Ou por acó, neste tempo de mundialización, dos guetos de Paris ou Madrid, neste tempo de defensa da identidade propria.
Tunicia, Siria, Irán, Paquistán, Alxeria, Exipto, Marrocos, Líbano, Palestina, Afganistán, Iraq… O mundo árabe aparece ante nós nas novas dos telexornais e na prensa como un lugar en permanente guerra ou inquedante tregua, onde impera o fanatismo e a intolerancia. Mais o medo ao bárbaro, ao estranxeiro, non é nada novo. ¿Cantas guerras teriamos sofrido as e os galegos se en lugar de granito houbera un mar de petróleo baixo os nosos pes?
Con esta festa tentaremos, con humildade e respeito, recuperar para occidente a humanidade do universo árabe e farémolo con dúas fermosas expresións desta cultura: a música e a danza.
Sen dúbida a danza terá un lugar fundamental neste evento. A irmandade cultural do sur da península ibérica co norte de África e oriente próximo virá da man de Carmen Al-mursï, mestra en danza do ventre e residente en Vigo. Nesta ocasión apresentará unha fusión das formas mais tradicionais das danzas de raíz árabe cas mostras máis modernas e innovadoras que hai neste xénero actualmente, sempre co toque persoal da artista.
En música Raï contaremos cunha ampla selección de máis de 100 artistas e bandas de varios países árabes a cargo de Nechaiev, membro da radio libre Piratona (106.0 FM-VIGO).
Deste xeito, tentaremos inundarnos con esas músicas cheas de sentimentos e emocións, ritmos bailabeis e intensos, movementos orgánicos e vitais que proveñen da alma. A alma que todas e todos temos e que todas e todos precisamos deixar manar e troulear.
Tamén poderemos ver videos musicais extraídos da emisora Al-Arabiya (e outros) e degustar productos da rica gastronomía árabe.