Venres 9 agosto de 2019 • 20:00 h Música | 8€ ant. / 10€ bill.

Os Amigos dos Músicos, Xoana

Os Amigos dos Músicos, Xoana

Os Amigos dos Músicos

Dende Ourense, Os Amigos dos Músicos une os talentos de Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo e Álvaro A. Rivera, e tamén no seu momento os de Xurxo Brea, Rosa Lison, Septi ou Marcos Paradelo, experimentados músicos que xa formaran parte de grupos como Niño y Pistola, Blood Filloas, O Sonoro Maxín, Annie Hall, Haecceidad ou Cinnamon Gun. Un proxecto que une o pop e a música folk americana coa tradición da canción de autor galega, recoñecido co Martín Códax a Mellor Banda de Pop en 2017 ou a candidatura nos Premios MIN a Mellor Álbum en Galego polo seu LP debut, Os Amigos dos Músicos (2016).

Dende a saída do disco, Os Amigos dos Músicos teñen percorrido os palcos de cidades e vilas galegas, así como de fóra do país, con concertos en Madrid, Bilbao, Donosti, Oviedo, Zaragoza, Valencia, en festivais como o Monkey Week de Sevilla, o Noroeste da Coruña ou o Atlantic Fest na Illa de Arousa, así como en ciclos como Os Xoves de Códax en Cambados. Actualmente presentan o seu segundo álbum, Segundo fogar, e continúan reflectindo na súa música a importante herdanza de Suso Vaamonde, Benedicto e Bibiano ou Luis Emilio Batallán, sen perder orixinalidade, frescura nin personalidade

Xoana

» O meu nome é Xoana e cos meus 20 anos estou inmersa nun proxecto musical que ten coma principal aliada á lingua galega, promocionando o uso desta coa axuda de ritmos coma o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae. Dardos é o disco co que acabo de irromper no mundo da música e utilizo así esta coma un medio de denuncia. Todas as cancións xiran arredor de temas actuais que precisan ser escoitados e que mellor que a música para invitar a realizar cambios!

» No meu disco, ‘Dardos’, Todas as cancións teñen unha mensaxe social e expresan queixas resumidas no título cunha soa palabra, a modo de dardos, pequenos mais precisos.

» Por outra banda, Dardos está orientado a achegarlles ós máis novos a música galega e en galego, e que asemade a sintan como algo propio, de xeito semellante ó que eu experimentei.

» Por un galego que derrube fronteiras e estea libre de prexuízos! A música move o mundo e así se marcan os cambios.


Entradas anticipadas á venda no local e mais en Entradium.com (sen gastos adicionais).

comments powered by Disqus