Domingo 15 marzo de 2020 • 20:30 h Música | 10€ ant. / 12€ bill.

Vicente Feliú (Cuba)

Vicente Feliú (Cuba)

Descubre a guitarra de seu pai -quen tamén facía cancións-, e simultaneamente comeza a compór en 1964, de xeito intuitivo e necesario, cando cursaba o ensino secundario. Por aqueles anos outros mozos en diferentes puntos da xeografía cubana descubrían á vez as experiencias sociais e a canción, e anos máis tarde, en 1972, conformarían o que se deu a coñecer como o Movemento da “Nueva Trova”.

Unha das súas voces máis representativas a canda Pablo Milanés, Silvio Rodríguez, Noel Nicola, Lázaro García e Augusto Blanca, entre outros. Vicente traballou durante quince anos na organización ocupando diferentes responsabilidades incluíndo a presidencia.

Actuou en máis de 30 países das Américas, Europa e Africa, e compartiu escenarios con numerosos cantores, entre os cales se contan Silvio Rodríguez, Pablo Milanés e Noel Nicola (Cuba), Luis Eduardo Aute e Juan Carlos Senante (España), Isabel Parra e Inti Illimani (Chile), Kiri Escobar, Félix Casaverde e Miryam Quiñones (Perú), Pueblo Nuevo e Jaime Guevara (Ecuador); León Gieco e Mercedes Sosa (Arxentina), Jackson Browne, Pete Seeger, Holly Near e Little Stevens (Estados Unidos), Alí Primera e Cecilia Todd (Venezuela), Daniel Viglietti e Alfredo Zitarrosa (Uruguai), Ricardo Flecha (Paraguai), Chico Buarque, Raúl Ellwanger e Pedro Munhoz (Brasil) e Luis Enrique e Carlos Mejía-Godoy (Nicaragua).

Compuxo música para obras de teatro, televisión e espectáculos e colaborou en programas culturais como asistente de dirección e director musical. Foi asesor de música da radio e da televisión cubanas e guionista, locutor e director de radio. Gravou para varias coleccións da “Nueva Trova” e da música cubana en xeral, e ten oito discos persoais: CRÉEME (1978), NOQUEDARME (1985), ARTEPORÉTICA (1990), AURORA (1995), ANSIAS DEL ALBA – xunto a Santiago Feliú (1997), GUEVARIANAS (1997), A GUITARRA LIMPIA (1998), COLIBRÍ (2000), VICENTE FELIU AL BARNASANTS (2014), e LAS FLORES BUENAS DE JAVIER, xunto a Miryam Quiñones, e dous videos de concertos en vivo, Con Ciertos Amigos (2014) e Presto mi voz (Premio Especial Cubadisco 2016).

Publicou un libro con textos das súas cancións, titulado Créeme, canciones de tiempos difíciles y hermosos (2009) en Cuba, e reeditado en España en 2017, e Notas, artículos, entrevistas y viajes, (2019) tamén editado en España, ambos os dous coa editorial Atrapasueños.

Actualmente dirixe o proxecto para a canción iberoamericana Canto de Todos. Vive na Habana, Cuba.

Pola súa obra artística e cultural recibiu diferentes premios e condecoracións, entre outros a Medalla Conmemorativa polo X aniversario do Movemento da “Nueva Trova”; o Premio Abril, que se entrega aos creadores cubanos; a Distinción Majadahonda 36, da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba; a Distinción pola Cultura Nacional, do Ministerio de Cultura; o Diploma ao Mérito Artístico, entregado polo Instituto Superior de Arte, a Distinción Félix Elmuza, da Unión de Periodistas de Cuba, e a Medalla Alejo Carpentier e a Orde Félix Varela, outorgadas polo Consello de Estado da República de Cuba.

É fundador da “Nueva Trova”. Polo ano 1965 tiña compostas algunhas cancións e —cousa pola que se adoita medir aos iniciadores deste movemento— esas cancións, como traballo inicial, reunían os requisitos de arraigo e ruptura que comezaron a caracterizar os cantores novos por aqueles anos.

Vicente sintetiza en moito unha das aspiracións do movemento: facer da canción e do que a canta unha compacta unidade. É un home do seu tempo e, desde a acción, xórdenlle crónicas, cancións, testemuños. A súa linguaxe varía segundo o timbre da vida ou do soño, pero sempre hai un vento épico roldándoo. Isto apréciase claramente en “Los seguidores” ou en “Pablo”, pero onde resulta máis fermosamente insólito é en cancións como “Esther: homenaje” cando describe certos holocaustos íntimos dunha muller (a súa tía) que no seu verso resultan un exemplo de altruismo e tenacidade, unha sorte de epopea privada.

Musicalmente sempre tivo esas manías ou reiteracións que algúns chaman estilo. E o seu estilo ten moito que ver con aspectos da troba tradicional e con determinadas zonas da canción popular cubana (seu pai tamén fai cancións). Cando toca a guitarra sorprende o seu xeito case constante de mover o baixo (lembrar a Sindo) aínda que o seu contido é loxicamente máis actual. Cando tanxe intúese a orquestra que seguramente soa dentro da súa cabeza, e cando canta os seus versos con voz miúda ou irada, o seu timbre cálido sométenos a unha especie de fogar.

Velaquí un home, un poeta, un trobador sincero.

Crédeo.


Silvio Rodríguez (Trobador cubano. Nota ao LD “CRÉEME”).

comments powered by Disqus