Domingo 24 abril de 2005 • 21:30 h Música | 4,00 €
Unha noite no muíño non é nada: Davide Salvado & Pepa Yáñez (Cabaret d'Aquí / Galiza)
Procedentes do mundo da música tradicional e folk, entre outros estilos, estes artistas galegos achégannos por primeira vez o xénero do Cabaret Daquí, unha incursión polo cabaret desde a óptica da cultura popular galega, un show musical que bebe das fontes do tradicional no que non falta teatralidade e comicidade. Por que a noite, a festa, a paixón e a luxuria, como no Moulin Rouge, deuse no muíño, porque unha noite non é nada e unha semaniña enteira sí que é foliada. Por esta razón, e por outras máis, Davide e Pepa dispóñense a saír da artesa para deixar fluír sen prexuízo as súas innatas habilidades para o espectáculo. Neste exercicio de terapia artística identitaria os nosos protagonistas sumérxense en caldeiros de purpurina e destapan os Crooner que levan dentro, mesturan vellas e novas músicas ata a hibridación total e reviven fórmulas de fenómenos da canción de éxito -ou non-, que foron aparecendo pola discografía galega das últimas décadas.