Domingo 9 xuño de 2002 • 21:30 h Música | 4,50 €
Tango dos en uno (Tango / Arxentina / Euskadi)
O tango é música e a música só pode ser entendida cando se toca ou se escoita. Marina Cedro é pequena, enxoita, e ten a mirada limpa daqueles acostumados a esculcar un río que se fai infinito, pero ó plantarse nun escenario adquire unha estatura e unha forza que impoñen, establecendo lazos case relixiosos coa audiencia, tal vez pola verosimilitude que transmite, a súa autenticidade. Na música a impostación resulta demasiado evidente. Cada tango que canta é unha historia na que se mete, que vive con toda intensidade e asumindo todo o risco.
Ricardo Urrutia é do mundo do jazz, proba disto é o seu fraseo, a harmonización, a súa capacidade de improvisación. A súa vía de acceso ó tango parece que foi facilitada polo seu coñecemento da raíz común de toda a música afroamericana gracias á acumulación de experiencias en campos diferentes. Ó apoiar a Marina, faino con tal elocuencia que máis ca a un único instrumento parécenos estar escoitando a un verdadeiro conxunto orquestral que nos fai mover os pés e o corazón. Trátase dun auténtico dúo, non dunha cantante acompañada por unha guitarra. Aquí hai diálogo, interacción, como na danza do tango. Aquí asistimos ó milagre de que dous é igual a un.