Sábado 14 marzo de 2026 • 21:00 h Encontro | De balde
Kontubernio Tabernario. Organizado polo colectivo Morrazo x Palestina.
O sábado 14 teremos unha velada de música e reivindicación no @aturuxobueu ✊✊ Celebraremos un Kontubernio Tabernario co Leo @arremecaghona3 e teremos un bote solidario co que recadar cartos para as persoas sancionadas por ter mostrado o seu apoio ao pobo palestino durante as etapas de ‘La Vuelta’. @represaliadasvoltaciclista Dende o río até o mar Palestina vencerá!.
Máis información do acto:
COMUNICADO DAS PERSOAS SANCIONADAS POLAS PROTESTAS CONTRA A PARTICIPACIÓN DA EQUIPA DE ISRAEL NA VOLTA CICLISTA
A subdelegación do goberno en Pontevedra, co seu desmesurado afán recadador e represor das liberdades, impón a 27 persoas unha sanción de 300 €, polo feito de protestar contra a participación da equipa de Israel na volta ciclista, baseándose na lei contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte.
Na mobilización de Mos, como na de Monforte ou como en todas as celebradas nas distintas localidades de Galiza por onde discorreu dita competición, protestouse de forma totalmente pacífica, en contra da participación da equipa de Israel no evento deportivo, por considerar que se trataba dunha práctica de lavado de cara e de branquear un crime de lesa humanidade, reivindicación compartida por unha grande parte da poboación galega e estatal. Xa con anterioridade a súa celebración, moitos sectores da sociedade e organizacións sociais de defensa de dereitos humanos, solicitaron á organización que rexeitara a participación desta equipa, esta reivindicación foi en aumento ata converterse nun clamor popular, sumándose a ela numerosas persoas do ámbito cultural, social, sindical, e deportivo, incluso diversos cargos de partidos políticos dun amplo espectro ideolóxico, entre os cales se topaba o presidente do goberno do Estado. Estas demandas colectivas foron desoídas de xeito prepotente pola organización, o que xerou gran descontento social.
A proba ciclista celebrouse en plena operación de limpeza étnica de Israel contra a poboación palestina. Operación na que, como recoñece o propio goberno israelita, asasináronse 71.667 persoas palestinas, das cales mais do 75% eran mulleres e crianzas. Seguramente os números serán muito máis elevados, como advirte a relatora da ONU para os Territorios Palestinos Ocupados. Neste xenocidio utilízase a tortura, a violación, a fame e a sede como armas de guerra, e atacan a xornalistas e centros de saúde como obxectivos prioritarios.
A aplicación, nestas sancións, da Lei contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte carece de toda lóxica e criterio e supón unha utilización perversa da mesma, xa que aplicala a unha protesta pacífica a favor dos dereitos humanos é contrario aos obxetivos para os que foi redactada: evitar a violencia e o racismo que ten lugar nalgúns ámbitos deportivos. No seu preámbulo di entre outras cousas: “Ningunha raza, relixión, crenza política ou grupo étnico pode considerarse superior ás demais”, o que é mais acorde coa reivindicación da protesta que cos argumentos da sanción. Non estamos ante un caso de violencia no deporte, senón de cidadanía consciente.
Estas protestas non naceron do odio, senón da solidariedade e a defensa dos Dereitos Humanos. Non se exerceu violencia nin se fomentou a xenofobia o racismo e a intolerancia, todo o contrario, protestouse contra a xenofobia, o odio e a violencia extrema que exerce o estado de Israel contra a poboación palestina. Están baseadas no exercicio pacífico dos dereitos fundamentais de liberdade de expresión, protesta e reunión, manifestando unha opinión política lexítima e de solidariedade. Os feitos non poden cualificarse de participación activa en altercado, pelexa ou desordes públicos. Tampouco se produciron danos materiais nin persoais, tal e como se recoñece na propia sanción.
O concepto de “discurso de odio” naceu para protexer o exercicio dos dereitos fundamentais de colectivos vulnerábeis e historicamente discriminados, non para defender un país que viola de xeito bestial e sistemático os dereitos humanos. A incitación ao odio require unha intención directa de xerar hostilidade, discriminación ou violencia contra un grupo vulnerábel. Nada disto é aplicábel neste caso.
Portar bandeiras de Palestina non incita á violencia nin ao odio contra ningún colectivo, incita á acción política e diplomática contra un goberno que está exercendo un xenocidio. Palestina é un Estado recoñecido oficialmente polo Goberno do Estado español, polo que é xuridicamente insostíbel que a Administración considere “incitación á violencia” a exhibición de bandeiras dun Estado amigo e recoñecido diplomaticamente. Una bandeira palestina é un símbolo de solidariedade e reivindicación humanitaria global.
O mesmo Goberno que nos sanciona por denunciar o xenocidio, aínda segue mantendo relacións comerciais, incluso de industria armamentística e de tecnoloxía militar, co estado israelita. Por se fora pouco, nestas sancións relatanse uns feitos, sen especificar en que infracción incorreu cada persoa sancionada. E como non existen motivos que poidan facer cadrar as súas fantasías xurídicas coa realidade, ofrecen unha redución importante na contía da sanción, a quen se responsabilice dalgún dos feitos.
Por todo o arriba descrito denunciamos publicamente estas sancións como unha manobra represiva, con afán recadador, na que se aplica unha lei que non ten nada que ver cos feitos, onde se criminaliza unha protesta pacífica en defensa dos dereitos humanos do pobo palestino e onde non existe unha acusación clara duns feitos determinados a cada persoa sancionada.
Subscriben este comunicado as seguintes organizacións sociais:
comments powered by Disqus