Domingo 25 xaneiro de 2004 • 21:30 h Música | Prezo por determinar

NdNo (Rap Metal / Zaragoza), Aphonnic (New Metal / Vigo)

NdNo

NdNo son un grupo zaragozano de rap metal que empezaron a tocar en 1997, aínda que levan facendo cousiñas dende o 95. Ensaian nun localiño e de aí saiu o que hoxe coñecemos coma NdNo.

Tras case dous anos ensaiando no local sen ter sequera un nome, NdNo nace coma grupo en 1997. Coas ideas claras tanto no musical (fusionar calquera estilo sempre dende unha base de rap-metal), coma nas letras comezan a tocar en directo e gravan a súa primeira maqueta “Alerta Roja”.

Esta primeira gravación, acompañada de numerosos directos que realizaron no circuíto local, permítelles entrar no concurso Sonda 98, onde reciben o Premio Joven ao grupo con maior proxección.

Este premio sérvelles coma trampolín para seguir tocando en directo e para gravar Se mueve, 10 temas mesturados en EEUU que lles abre as portas á súa fichaxe por Zero Records e a súa xira máis ambiciosa ata hoxe: máis de 20 concertos durante 2 meses por EEUU, México e Puerto Rico.

Así, sen darse un respiro, chegan a día de hoxe co seu segundo LP, Adam 6. Producido polo propio grupo, gravado e mesturado nos estudios RPM de Valencia por Roger García e masterizado por Pablo Iglesias (Kannon, Hora Zulú, Liquid Sun, etc) nos estudios Mix-Plus de Vigo. Adam 6 é o fiel reflexo do que sempre foi o grupo: fusión de estilos e claridade na mensaxe.

Aphonnic

Aphonnic nace a mediados de 2001 en Vigo. Tres dos compoñentes (Jesús, Ricardo e Alen) formaban parte de O Pequeno Baltimore, grupo que tivo a súa época de gran repercusión en Galiza, chegando a tocar con Napalm Death, S.A., Narco, Hechos contra el decoro, etc.

Posteriormente entrou na banda Felipo, que introduciu unha versión diferente potenciando o estilo de música cos seus teclados. A formación non se completou ata hai seis meses, coa chegada de Iván á guitarra. Cun grupo xa compacto e cun potente set list actuaron por primeira vez na sala Anoeta, chamados por Los Motores.

Destaca de Aphonnic a súa posta en escena, a súa estética cara á vista do público, a súa agresividade e o ambiente creado con samplers e teclados que fan que os seus concertos sexan diferentes ó plantexado ata o momento na cidade. De Aphonnic pódese dicir que mestura todo tipo de gustos musicais aínda que as súas preferencias esténdense cara ó metal moderno.

Visita a web de NdNo

Visita a web de Aphonnic