Venres 17 maio de 2002 • 21:30 h Música | 3,00 €
Liorna (Folc / Marín)
Dende 1996, Liorna elixiu o camiño máis difícil para converterse nunha das realidades máis frescas e puxantes do actual panorama folc de Galicia. Mentres resulta habitual que as formacións e solistas deste xénero recorran ó repertorio tradicional para configurar os seus discos e os seus directos, os Liorna apostaron dende o principio polas súas propias letras e músicas.
En 1998 fan o seu debut discográfico nun CD compartido coa compañía de Mercedes Peón. Xa cumpliran os 50 concertos cando unha das compañías máis importantes de Galicia, Cumio, ofrécelles a posibilidade de editar o seu primeiro longa duración, que finalmente viu a luz en xullo de 2000.
Este primeiro LP dos Liorna, de título homónimo, supón a posta en práctica dun proxecto que comezara catro anos atrás, un disco repleto de música escrita, composta e arranxada por Liorna. Once cancións que reflicten a inquietude e creatividade do grupo, unha verdadeira declaración de principios que disfrutou dunha gran acollida por parte da crítica.