Domingo 24 abril de 2011 • 21:00 h Música

De outra margem (Música Galego - Portuguesa)

Catro galegos, un vasco, unha brasileira e un portugués que a música, ou acaso, algunhas afinidades e a amizade fixeron converxer e ten mantido unidos. Unha man chea de instrumentos: percusións, un contrabaixo, unha guitarra acústica, dous saxofóns e algunhas frautas, un acordeón, un cavaquinho, un cuatro, unha harmónica, un adufe. E voces para as cancións, que son moitas.

Banda formada por: Marilú Campos, percusións. Eva Gonzalez, percusións. Edorta López, acordeón. Lorenzo Suárez, contrabaixo. Luis Lechuga, guitarra, cuatro. Carlos Villanueva, saxos e frautas. Abílio Santos, voz, cavaquinho, cuatro, harmónica, adufe.

Non se confundan. A pel que se bate non é sempre sinónimo de represión, de castigo ou de tortura. O vento, non é sempre o que se escoita nas beirarrúas das vilas desertas, nos andares das aulas baleiras. A corda non é sempre a que serve para atar, para impedir, para non deixar entrar, para non deixar saír. Ás veces a pel que se bate está a marcar o tempo co seu bater, o vento sube e baixa as melodías e fai respirar amodo. E a corda acompaña, dirixe e sente. Estamos a falar de música. De Outra Margem, en permanente crise de identidade. Algunhas veces non se sabe onde acaba o músico e empeza o instrumento (non hai fronteiras). De Outra Margem , probable ausente nos grandes auditorios, non citado nos grandes medios, descoñecido nas revistas que marcan as modas. Máis está científicamente comprobado que a xente que comparte a música con eles e elas, sae un pouco máis feliz. Para que é a música, se non?

De outra margem”

http://www.deoutramargem.com