Sábado 10 setembro de 2011 • 22:30 h Música | Entrada mediante convite repartido na entrega de premios do FICBueu 2011
Diana Tarin (Clausura do FICBueu2011, Soul/ Jazz, Vigo)
O jazz soará o 10 de setembro tras a entrega de premios e porá fin a cinco xornadas de proxeccións nas que se agarda gran asistencia.
O cuarteto de jazz Diana Tarin Band actuará o sábado 10 de setembro na festa de peche do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, FICBUEU2011, que arranca o vindeiro luns. O público asistente á entrega de premios, que terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu (Pontevedra) a partir das 21.30 horas, recibirá ao remate a súa invitación para gozar da música en directo e mais dun ágape, canda aos galardoados, no pub Aturuxo.
Diego Valero na bateria, Paco Dicenta ao baixo eléctrico e Lorenzo Boo coa guitarra acompañan á cantante cubana Diana Tarin nesta banda que clausurará o FICBUEU2011 cun variado repertorio de versións. Soul, funk, rithm&blues e standards de jazz son algúns dos estilos nos que se mergulla o grupo afincado en Vigo. A música de James Brown, Stevie Wonder ou os Beatles, e temas tan coñecidos como ‘Sunny’, ‘Fever’ ou ‘Summertime’ soarán ao longo da noite.
Será unha gran festa de clausura para pechar cinco xornadas de proxeccións, entre o 5 e o 9 de setembro, nas que se pasarán as 25 curtametraxes que concursan nesta cuarta edición do festival. A organización agarda repetir o éxito de convocatoria colleitado o ano pasado. Daquela, os asistentes non só desbordaron o Centro Social do Mar, senón que tamén se percibiu unha gran variedade entre o público, con xente de todas as idades e procedencias diversas.