Domingo 17 xuño de 2012 • 21:30 h Música | 5 eur

Crema de Gaita (Folc/Tradicional, Galiza)

  Crema de gaita é un grupo folk con insignia distintiva que abrangue formas pouco convencionais na música folk concibida en Galicia, achegándose aos ritmos latinos como son o tango, o tumbao, os boleros, as habaneras ou a bossa nova. Galicia posúe uns lazos culturais máis estreitos con Latinoamérica, a causa do fenómeno da emigración, que con outras culturas atlánticas que se tenden a fusionar habitualmente coa música galega. Non obstante, Crema de gaita non rexeita as influenzas euroatlánticas nin versións de temas da música tradicional galega, para demostrar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita en numerosos estilos, fuxindo así do tópico no que está encadrada na actualidade.

Crema de gaita aposta por un estilo orixinal e transgresor no que conflúe a música tradicional, popular e culta, nun intento de irmandar as diferentes culturas que conviven na actualidade. Este eclecticismo musical é froito do percorrido dos membros do grupo en diferentes eidos, como as bandas de música, orquestras, formacións tradicionais galegas e conservatorios, e todo tipo de grupos jazz, pop, rock, electrónica e de fusión.

Máis info: http://www.cremadegaita.com/

Concerto da Rede Galega de Música ao Vivo.