Domingo 26 maio de 2013 • 21:30 h Música | 6 eur
Suelen Estar Quartet (Improvisación libre de corda, Galiza)
Suelen Estar Quartet é un cuarteto de improvisación libre de corda frotada de Galicia, nacido fai algo máis dun ano no seo da O.M.E.Ga (Orquestra de Música Espontánea de Galicia) da que son integrantes os catro. Non é un cuarteto clásico ao uso xa que está formado por violín, viola, violoncello e contrabaixo.
Sen partituras todo o que se crea é propio, inmediato, único e exclusivo. Déixase de ser un mero intérprete e pásase a ser compositor, un creador instantáneo. Dáselle renda solta á imaxinación, unha paisaxe, unha idea, unha emoción, un son… serven de nutrientes para desenvolver a creatividade nun momento concreto espazo/tempo. Transmitir ou xerar de forma espontánea unha idea ou sentimento a través da música fai que cada concerto sexa irrepetible.
Experimentar de todas as formas posibles, indagar na escoita, as sonoridades dos instrumentos, a súa natureza, explorar a cada instante todas as variables posibles das que se dispoñen. Ser sensibles ao azar ou á sorpresa, moi importante como xeradora de novos camiños musicais, son parte dos métodos de investigación que se utilizan, sendo totalmente orixinal e idiosincrásico do propio cuarteto.
Trátase da creación dunha linguaxe, un código común e único, unhas novas normas do xogo, para xogar ao xogo de sempre pero de forma diferente.
Este concerto ten o apoio da Rede Galega de Música ao Vivo.
A formación:
Elena Vázquez Ledo: violín
María José Pámpano: viola
Macarena Montesinos: violoncello
Saúl Puga: contrabaixo
Máis info:
http://suelenestarquartet.jimdo.com/
comments powered by Disqus