Domingo 18 maio de 2014 • 21:00 h Música | 5 €

Zamaramandi (Reggae / Vigo)

Zamaramandi (Reggae / Vigo)

Esta actuación comezará ás 21:00 con puntualidade

Zamaramandi xorde coma un proxecto musical na cidade de Vigo en 2008. Nos seus inicios crean un repertorio cara un son clásico do reggae dos anos 70. En 2009 son gañadores do V Concurso Galego de Reggae e participan na final ibérica do concurso European Reggae Contest.

Na súa traxectoria comparten cartel con bandas como Fully Fullwood’s Band, integrada por auténticas lendas vivas do reggae, e ofrecen espectáculos en salas e festivais dentro e fóra de Galicia.

O son desta primeira etapa queda rexistrado en 2010 coa gravación do single Are We Free, co produtor Roberto Sánchez. Tras un periodo no que traballan como banda de acompañamento de representantes galegos do reggae e de artistas coma Benjammin’, a finais de 2011 deciden dar un paso máis na exploración do reggae.

Iníciase a creación dun novo repertorio, cargado de harmonías e melodías moito máis ricas e cercanas ao jazz, que aportan unha perspectiva actual ao reggae sen deixar atrás a raíz do estilo. O traballo Demo, autoproducido pola banda no seu estudio, é representativo das inquedanzas de Zamaramandi, que busca ampliar as fronteiras musicais do reggae. Participaron no festival Minho Reggae Splash de 2013 como banda de acompañamento de Roberto Sánchez e Alpheus.

Na actualidade, a banda está centrada en lanzar o seu primeiro disco, producido por Roberto Sánchez. Gravado nos estudios A-Lone Ark Muzik de Santander e en Muu! Estudios en Vigo, trátase dun traballo que pretende amosar un son novo e persoal.

Máis información na web de Zamaramandi e na súa páxina en Facebook.


comments powered by Disqus