Domingo 15 xuño de 2014 • 21:00 h Música | 8 € ant. / 10 € bill.

El Niño de la Hipoteca

El Niño de la Hipoteca

Operación Guitarra

A última acción de El Niño de la Hipoteca en Internet, #OperaciónGuitarra, ten dado moito de que falar. Despois dun contratempo, a guitarra que o acompañou toda a súa carreira fendeu dun xeito insalvable e un bo día propúxolles aos seus seguidores que iría subindo un vídeo semanal a Youtube para custearse unha guitarra nova cos cartos gañados pola publicidade.

Un crowfunding moi peculiar que, no canto de pedir diñeiro, pedía visitas. Tal foi a resposta do público que en poucos meses os seus subscritores da canle de Yotube comezaron a multiplicarse e acabaou acadando un número de visitas moi alto, que aínda segue a crecer hoxe en día. Actualmente está moi preto de conseguir a cobizada guitarra nova.

A guitarra vella en cambio sufrirá un destino máis ca digno: ser sorteada entre todos os seus subscritores. E como xamais volverá ser tocada por el en directo, que mellor que despedila como se merece, cunha xira.

Nesta xira non estará só porque o acompañará El Ratón Avatar, a persoa que está detrás da cámara nos seus vídeos, para gravar todo o que pase na xira e ir subindo material durante a mesma.

El Niño de la Hipoteca

En pouco tempo, El Niño de la Hipoteca pasou de ser un fenómeno underground a un nome que goza de gran cantidade de seguidores e que a case todo o mundo “lle soa”. E cando non se teñen altos orzamentos, o boca-orella funciona como unha avalancha se hai algo de calidade debaixo do fenómeno. Sen dúbida as cancións cargadas de ironía, tenrura e intelixencia que El Niño de la Hipoteca compón non deixan indiferente a ninguén.

A súa primeira aparición televisiva foi no prestixioso programa de Jordi Évole Salvados, no que Guiu (o nome que hai debaixo da máscara hipotecada) tocáballe unha canción a Ramoncín, un gracioso popurrí no que demostra que en só catro acordes caben os grandes éxitos do pop español.

Con dous discos ás costas, Que te vaya bien (2009) e Mi novia de 2º B (2011), e un terceiro de grandes éxitos reversionados (Gratis Hits, 2012, que se pode descargar de balde da súa web), El Niño ofrecerá unha xira co seu formato orixinal, a guitarra e voz, e deixa aparcada a nova banda que o acostuma acompañar (Los Ratones). Na xira destacarán novas pezas que constituirán o seu cuarto disco, que sairá en outubro de 2014, e cancións inéditas que apareceron na Operación Guitarra.

Máis información na súa páxina en Facebook

Venda de entradas online


comments powered by Disqus