Xoves 28 agosto de 2014 • 21:30 h Música | 6 €
Guerrera (Galiza)
Nada é pequeno en Guerrera. Enormes músicos chegados dalgunhas das formacións con máis peso da historia do underground galego e estatal (Ictus, Holywater, Cuzo, Cró, Disappointment) que se xuntan para levar a cabo este proxecto non podían crear algo sen transcendencia.
O pasado foi o ano do seu debut Under The Gipsy Sun (autoeditado, 2013) co que se converteron na next big thing galaica: un tratado de stoner, psicodelia, blues e rock clásico baseado na súa lisérxica posta en escena que fascinou a crítica e público en varias decenas de concertos por toda a xeografía peninsular.
Non era ningunha parvada pensar que a súa proposta medraría e non nos trabucamos. Mauna Loa é o volcán máis grande do mundo e nos pon en escena inmediatamente: o seu novo disco é unha densa amálgama de todo o anterior, agora salpicado aquí e alá por música negra, ritmos latinos, improvisación e escuridade. Cheira a disco histórico porque, coma os grandes pratos, amamos o seu sabor pero a súa elaboración é un misterio.
Guerrera creceron e fixérono ao longo e ao ancho, con infinitas capas de música tamén reflectidas no artwork do seu novo álbum —un inmenso collage creado pola banda e achegados e ensamblado por Hugo Santeiro— que promete deixar pegada en formato e contido.
O álbum foi mesturado e producido polo propio grupo xunto a Fernando Mejuto nos novos Estudios Montealto da Coruña, para ser masterizado posteriormente por Roger Seibel (Tortoise, Bikini Kill, Death Cab For Cutie) en SAE Mastering (Phoenix, EEUU).
Compoñentes
- Alejandro Canoura: guitarra e voz
- Álvaro Gallego: baixo
- Hugo Santeiro: guitarra
- Luis Casanova: batería
- Xavi Bértolo: teclados
- Rubén Abad: lap steel guitar
Podedes escoitar algúns dos seus temas no Bandcamp de Guerrera.
comments powered by Disqus