Domingo 18 xaneiro de 2015 • 20:30 h Música | 5 €
Tanto Nos Ten (Música tradicional furtiva)
Tanto Nos Ten leva sete anos espallando a súa música furtiva en foliadas, pasarrúas e escenarios do país.
Son moitas as coplas que Josinho da Teixeira leva tiradas dende os escenarios ou dende os torreiros. Brinca coma as labras arrastradas por un vento furibundo mais desprende a caloriña sureña das xentes de Redondela. De ollada pícara e falar retranqueiro ten a habelencia de armar festa cun tamboril, amais dunha choca, ao abeiro das melodías do gaiteiro Manuel Cruces, de tocar sereno, responsábel da meirande parte das composicións do grupo. Sobre o xusto tempero de ambos susténtase a música furtiva de TNT.
Entre néboas está inzado de letras tradicionais e de composicións propias, sempre co sabor da poesía popular, harmonizadas a xeito de rumbas, muiñeiras, pasodobres, xotas e foliadas, nun disco financiado polo grupo, que opta de novo con este traballo por se manter á marxe da industria discográfica. Letras que describen as paisaxes da Ría de Vigo e o día cotiá mariñeiro, o bulir da feira de Redondela… Letras que manifestan o amor pola terra e a coveniencia de loitar por un dos alicerces da cultura de noso: o galego, que vindican na “Rumbaliza”, coa axuda dun coro de cativos. Cómpre destacar a coidada edición do disco, coas ilustracións de Luis Dávila e os textos que introducen as cancións que avogan por non resignármonos, por vivir e deixar vivir reclamando os nosos dereitos sempre pensando no ben colectivo. Entre néboas comeza co aceno da buguina para nos espertar, coa firme declaración de intencións de “loitar entre as néboas dun mundo trapalleiro”, e féchase tamén con outro pasodobre, “A traíña”, unha rede de pesca comunitaria, un arte que require da unidade para acadar o ben común.
Velaquí as coordenadas da música furtiva de TNT. Furtiva porque a música tradicional se fai case ás agachadas, á marxe da industria musical, nunha lingua que malia a normativización non goza de soberana oficialidade. Furtiva por irreverente, insubmisa, comprometida coa cultura de noso e co sentir dunha parte da sociedade galega. Entre néboas plasma a esencia dun grupo cuxa razón de ser é facer festa. Alegría que se espalla alén do disco, alén do escenario. Música que nos fai proer a lingua e desenferrúxanos os pés.
comments powered by Disqus