Domingo 1 febreiro de 2015 • 20:30 h Música | 6 €

Sokram (presentando 'Chuvia ácida')

Sokram (presentando 'Chuvia ácida')

Sokram é unha das voces de peso en Dios ke te Crew e unha das personalidades mais prolíficas e
irreverentes do famoso colectivo hip hop. O que fora alá polos noventa Mc e membro fundador da
pioneira banda de rap en galego 5talegos, é sen dúbida hoxe en día, figura referencial do rap feito na nosa lingua e unha das personalidades máis proactivas e multidisciplinares da escea. Mc, letrista, writer, muralista , director de arte, deseñador, ilustrador, organizador do afamado festival internacional de arte urbana Desordes Creativas, e de seguro outras batallas que está a xestar…

Despois de 4 traballos discográficos e centos de concertos con Dios ke te Crew por festivais e salas de todo o estado, de ter creado unha fornada de himnos xeracionais e atemporais como “Política de asfalto”, “Ketraballe o rei” ou “Benvido a Mördor”, logo de facer mover o esquelete xunto á súa crew a milleiros de persoas co seu arrollador, polémico e divertido directo, este francotirador da palabra e da imaxe saca disco en solitario.

“Chuvia Ácida” é o título, e como se dunha cicloxénese se tratase chega rachando moldes cun
formato sorprendente e inusual. Un proxecto sónico ligado á súa media laranxa gráfica, cun fanzine de autor con obra do mesmo Sokram, no que cada obra ilustra a cada canción e viceversa, complementando a mensaxe de cada track e conxugando así audio e imaxe nun mesmo soporte.

Foi cociñado a lume lento e con boa letra en Rapapoulo Estudios da man de Mou, beatmaker de DKTC que o acompaña nos seus directos e que estivo ao cargo de toda a produción musical, gravación e mestura. Neste longa duración, productor e Mc compleméntanse milimétricamente móvendose por distintas sonoridades, matices e texturas. 15 cortes en clave hip hop cargados de reminiscencias funk, soul, jazz, rock&roll, hardcore , dance hall, salpicadas con letras ácidas e brilantes cheas de ironía,
humor, actualidade e introspección. Moita coraxe e máis corazón.

Un álbum fresco e reflexivo, enérxico e divertido, moi bailable pero tamén sosegado según a temática. Un braimstorming no que cada un dos cortes é unha curtametraxe coa súa atmósfera particular e un pulso calculado. 15 curtas que forman unha longa: Chuvia Ácida.

Bandcamp: https://sokram.bandcamp.com/album/chuvia-cida

Facebook: https://www.facebook.com/pages/SOKRAM/269949213041629

Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=vOe7ZGCLgiY

comments powered by Disqus