Domingo 19 abril de 2015 • 20:30 h Música | 8€
The Soul Jacket
En novembro de 2014 The Soul Jacket sacan o seu terceiro e esperado disco de estudo, ao que titularon ‘Black Cotton Limited’. De novo con Hendrik Röver aos controis da mesa de son, este novo traballo ofrece 15 cortes (constará dun dobre LP na súa edición en vinilo) e preséntanos a uns The Soul Jacket que se deslizan libremente entre os estilos desa Norte América mítica que tan ben souberon absorber e incorporar a un rexistro propio xa de seu rico en matices.
A banda comezou a súa andaina no ano 2004 e con este o seu terceiro álbum de estudo —precedérono ‘Wood Mama’ en 2012 e ‘Gunpowder Valley’ en 2013— celebran dez anos de traxectoria musical, unha traxectoria con lixeiros cambios de formación, pero que conserva a tres dos seus integrantes orixinais —Toño López á voz, Jann Zerega ao baixo e Mauro Comesaña á batería— aos que se suman as guitarras de Jorge Mizer e Guillermo Gagliardi, e desde hai pouco máis dun ano a sabedoría e o bo facer dun veterano teclista da escena viguesa como é Xabier Viéitez (Transilvanians, Foggy Mental Breakdown, etc).
O bo sabor de boca que deixou ‘Wood Mama’ tanto a público como a prensa especializada —un disco debut que recibiu os eloxios de publicacións como Ruta66, Popular1 ou o diario El País— é unha das razóns polas que a banda decidiu porse de novo nas mans de Hendrik Röver para dar forma aos temas deste novo traballo. Sen dúbida o músico cántabro líder de Los Deltonos coñece como ningún ese son puramente americano que se desprende da música de The Soul Jacket.
Pero se algo diferencia á banda viguesa da maioría dos seus coetáneos e colegas de profesión é que non teñen reparo en afastarse da obviedade do rock & roll e mostrar todas as súas inquietudes. Escoitando o seu anterior traballo, o EP de tres temas e máis de 20 minutos de duración ‘Gunpowder Valley’, resulta evidente que estes seis músicos non se atan ás limitacións dunha música ‘radiable’. A súa facilidade para incluír sons afro-latinos ou mesmo algo daquela psicodelia californiana de finais do sesenta en temas que exceden os 8 minutos é para a banda viguesa algo natural e até necesario.
Esa procura dunha identidade propia e dun son único e persoal ten o seu maior expoñente neste novo disco: ‘Black Cotton Limited’. Hai temas instantáneos empuxados por arranxos de vento afiados e reverberantes, suites instrumentais entrelazadas con harmonías vocais, medios tempos pegañentos como a melaza, cantigas mariñeiras de taberna de medianoite cantadas a dúas voces, desenvolvementos inquietantes arroupados por unha percusión afro-latina e mesmo unha triloxía central onde a pantasma dun caso sobrevoa as conciencias dunha parella de irmáns separados polo tempo e a distancia.
O último traballo da banda galega é, en definitiva, un disco redondo, que excede o listón deixado polos seus predecesores e que nos mostra a uns The Soul Jacket máis expostos, honestos e inspirados que nunca.
Máis información:
comments powered by Disqus