Domingo 10 xullo de 2016 • 21:00 h Música | 7€ ant. / 9€ bill. | Ao aire libre 🌿🌳🌛

Alondra Bentley + Os Amigos dos Músicos

Alondra Bentley + Os Amigos dos Músicos

[Entrada: 7€ anticipada / 9€ billeteira. Ao aire libre se o tempo acompaña]

ALONDRA BENTLEY

”Un álbum delicioso (e adictivo), deses aos que paga a pena volver unha e outra vez. Agora e dentro de dez anos” — Raúl Julián. Mondosonoro (8/10)

De Lancaster ao mundo

Nacín co don dunha voz divina”, canta Leonard Cohen en Tower of Song. Referíase a si mesmo en ton xocoso, pero podería estar a describir a Alondra Bentley… se non fose porque ela tan só era unha nena pequena por aquel entón. Pero o certo é que Alondra naceu cun don, si, o dunha voz divina. Pódese comprobar nos tres discos que publicou ata agora, en calquera dos concertos e, por suposto, en ‘Resolutions’, o álbum que abre un novo capítulo na súa carreira.

De nai inglesa e pai español, nacida a principios dos anos 80 en Lancaster, Alondra escribe cancións que transcenden xéneros -pop, folk, rock…- e nacionalidades. O mundo reparou nela por primeira vez coa edición de Ashfield Avenue (Absolute Beginners, 2009), o seu debut. Alondra converteuse nunha das revelacións da música independente española e de inmediato se embarcou nunha longa xira que a levou por España e o estranxeiro (actuou en Reino Unido, México, Estados Unidos, Francia e China). Sobre o escenario é unha presenza anxelical, chea de profundidade, emoción e humor.

Tres anos despois, chegaron dous álbums do tirón! O primeiro, Alondra Bentley Sings for Children, It’s Holidays (Gran Derby Records, 2012) é unha colección de cancións pensadas para os nenos (“nenos de 0 a 100 anos”, gústalle explicar a Alondra). Desde entón, Alondra ofrece concertos para os máis pequenos. O seguinte, verdadeira continuación de Ashfield Avenue, tamén ten título de inspiración inglesa: The Garden Room. Ecléctico e cálido, o disco presentaba un son elegante, rico e orgánico, cortesía de Josh Rouse, produtor. Ese mesmo ano, participou na banda sonora da película ‘Buscando a Eimish’.

De Madrid a Richmond.

Con ganas de probar novas sonoridades e tras un encontrón máxico auspiciado polo ‘Torgal’ ourensán, Alondra e o músico e produtor Matthew E. White decidiron colaborar xuntos. Matthew non só produciría o álbum, senón que se gravaría no estudio de Spacebomb -o selo/colectivo que dirixe- en Richmond (Virxinia) e contaría cos seus músicos habituais (Pinson Chanselle, Daniel Clarke, Trey Pollard e Cameron Ralston, acompañantes do propio Matthew, Natalie Prass e Ryan Adams). O resultado é ‘Resolutions’, un álbum que supón unha evolución e unha ruptura. Permanecen as melodías máxicas e engádense novas texturas de espírito contemporáneo. Aparecen arranxos de corda impresionistas, sintetizadores, loops vocais e unha banda que achega solidez e enxunlla ao conxunto. Nas letras aparecen soños, recordos e a visión particular de Alondra o mundo que nos rodea. Carasueño foi o encargado de mesturar o elepé coa súa creatividade e solvencia habitual.

OS AMIGOS DOS MÚSICOS

Os Amigos dos Músicos son galegos do sur. Desa contradición xorden cancións que falan daquelo que temos e non podemos negar, que buscan mirar desde lonxe aquelo que nos cobre. E fano utilizando esa mesma materia, o corpo. O seu corpo.

A lingua é corpo como é o mar é movemento. Música con escalas de cinco tons e harmonías vocais a distancia de tres pés. Pero palabras nas que nos recoñecemos. Mirámonos no espello e estamos a gusto. Diso se trata, de estar a gusto co noso corpo. O noso corpo.

Os Amigos dos Músicos son seis amigos de berros e loitas, de loito, festa e desemprego musical. Seis amigos e algún máis. Algún máis e unha cidade. Ou máis ben un espazo. Ou varios espazos. Cantan moito e con moitas voces distintas, ás veces cambiando unhas por outras, como se estivesen enredando para que ninguén os recoñecese nunca. Diso se trata ao final, de enredar.

Despois de cambiar de pel en tantas ocasións que xa ninguén sabe quen son, toca agora facer un esforzo de síntese e explicar que raios son Os Amigos dos Músicos. Para esta tarefa contarán coa axuda de Gran Derby Records, novos compañeiros e vellos amigos cos que facer que todo medre.

comments powered by Disqus