Xoves 14 xullo de 2016 • 21:00 h Música | 4€ ant. / 6€ bill. | Ao aire libre 🌿🌳
Davide Salvado
Entradas anticipadas á venda no local e mais en http://entradium.com/entradas/davide-salvado (sen gastos de xestión).
Co apoio da Rede Galega de Música ao Vivo.
Davide Salvado é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida recorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que se foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, se non todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais e o respecto pola terra, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música.
No 2003 comenzou a súa carreira profesional xunto a Ugia Pedreira (Marful) e o grupo Ecléctica Ensemble. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo.
A súa versatilidade permitiulle achegarse tamén a xéneros como o cabaret ou o teatro. Davide colaborou ademáis en varios traballos discográficos, como Galiza de Kepa Junkera ou o internacionalmente aclamado Sing me Home de Yo-Yo Ma & Silk Road Ensemble, entre outros. No 2011, editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica Pura, producido por Eliseo Parra, que esgotou catro edicións.
Tras dous anos de xira, presentou O Ladrón de Amorodos, un espectáculo a trío xunto o acordeonista Santi Cribeiro (Berrogüetto) e o percusionista e gaiteiro Cristian Silva. Con este espectáculo, Davide foi escollido polo xurado internacional para a sección oficial de WOMEX 2014, a feira de world music máis importante do mundo. Grazas a isto, conseguiu unha grande presenza nos medios especializados internacionais, onde falaron del como unha das grandes descubertas do 2014. En febreiro de 2015 editouse o disco Rústica, un proxecto moi especial e efémero xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña, que acadou moi boas críticas.
No 2015 editou o seu novo disco en solitario, LOBOS, producido por Pedro Pascual (Talabarte, Marful), no que Davide se ve arroupado por músicos do tamaño de Santi Cribeiro (arranxista de moitos dos temas), Xavi Lozano (Coetus), Quim Farinha (Berrogüetto), Miguel Hiroshi ou LAR Legido (Sumrrá), entre outros.
Os lobos inspiran este disco, como metáfora desa cultura tradicional necesaria e ao mesmo tempo maltratada, a imaxe dunha Galiza pura e salvaxe. Así na arte do disco aparecen os lobos de Davide, desde os de Isaac Díaz Pardo para Sargadelos até os que cantan e se convirten en home… ou ao revés. LOBOS está feito desde o corazón, é un agradecemento a todas esas pandereteiras e bailadoras maiores, mulleres fortes e anónimas, que ensinaron a Davide a ser o que é.
http://www.folmusica.com/davidesalvado
http://www.facebook.com/davidesalvadooficial
comments powered by Disqus