Luns 19 setembro de 2016 • 21:00 h Música
Mauro Bonamino Grupo (Arxentina)
Raíz e vangarda, desde o corazón da nación chamameceira, Mauro Bonamino Grupo preséntase en formato de cuarteto, cun amplo cancioneiro tradicional de grandes autores e composicións propias. Está conformado por Mauro Bonamino en acordeón, Marta Toledo en voz, Samuel Rodríguez en guitarra e Federico Mayuli en contrabaixo.
A través do chamamé, xénero por excelencia da rexión nordeste de Arxentina e do sur de Paraguai e Brasil, Bonamino ábrese camiño máis aló das fronteiras xeográficas, para chegar a Europa cun son cada vez máis internacional, que non perde a súa orixe e tradición en terras guaraníes.
Con 28 anos, Bonamino herda o oficio de músico do seu avó, Secundino Martínez, referente da época dourada do chamamé, oriúndo de Ituzaingó, Corrientes. Desde os catro anos, coa orquestra folclórica da súa vila ensaiando no patio do seu avó, Bonamino empeza a dilucidar as coordenadas desta gran música, e naturalmente pasa aos escenarios.
Ao longo da súa prominente carreira, integra diversos conxuntos e, en paralelo, inicia a súa carreira solista, tomando como referentes a Secundino Martínez, Nini Flores, Luiz Borges e Dominguinhos.
No camiño, edita dous discos, o primeiro, ‘Insistencia’, en 2006, e ‘Atemporal’, en 2011. É con ‘Atemporal’ que se consolida o seu perfil de compositor e pasa a integrar a onda de novos compositores chamameceros da rexión litoral.
Participou de innumerables festivais e festas onde se celebra ao xénero, converténdose nun referente da nova xeración. A Festa Nacional do Chamamé e Festa do Mercosur, que se realiza no mes de xaneiro en Corrientes, Arxentina, considerada unha das máis importantes da tempada estival, é cita obrigada para Bonamino cada ano. Na última edición foi distinguido pola súa valiosa achega á cultura.
En 2015 conforma o Mauro Bonamino Grupo, co guitarrista Samuel Rodríguez, o contrabaixista Federico Mayuli e a cantante e intérprete Marta Toledo. Actualmente, o grupo presenta un repertorio con versións propias de clásicos do chamamé, instrumentais e con voz, ademais das obras compostas por Bonamino.
comments powered by Disqus