Sábado 29 outubro de 2016 • 23:00 h Música | 3€
Yellow Big Machine
A gran máquina amarela é algo máis que un submarino. Son mil cabalos ao galope, dez elefantes fuxindo en estampida co ritmo e a diversión dun Mardi Gras en Nova Orleáns ou unha festa de aniversario con choiva de ganchitos xusto ao final.
En abril de 2016 editan ‘Always with you’, a cuarta referencia de Yellow Big Machine. Non é un EP, pero tampouco un LP. É unha necesidade de demostrar que, 10 anos despois, aquí seguen e quédalles discurso propio. Porque se algo fixo esta banda é ter unha firma recoñecible, propia e cambiante. A rabia dos seus inicios segue presente, pero aos poucos a vea máis lúdica, divertida ou a influencia do soul, o garage ou, simplemente, as ganas de xogar e pasalo e facelo pasar ben.
O fácil sería citar a Fugazi ou Dinosaur Jr. pero iso deixaría fóra a MC5, Eddie Bo ou Katsuko Kanai, o que nos parece o maior dos erros. Rock, post-hardcore, surf, soul e moita enerxía. Iso é a Yellow.
A declaración de intencións de Yellow Big Machine é total: están aquí para divertirse. Unha cruzada contra o aburrimento que é como unha descarga de 10.000 voltios: electrizante e adictiva.
comments powered by Disqus