Domingo 17 decembro de 2017 • 20:30 h Música | 5€ con CD
Ezetaerre
Ezetaerre é un grupo de rap combativo en galego integrado por Pedro (Petrowski), Miguel (Garchu) e Juan (Pirola). Formados no 2015, convertíronse, axiña, na gran revelación da música galega. Todo comezou cun tema en clave humorística, gravado na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña.
Ezetaerre está cheo de referencias políticas e culturais, cuns ritmos melódicos e eclécticos afastados do rap máis convencional. Coa combatividade por bandeira e coa clara convicción de poñer a música ao servizo da xente.
Estes ideais materializáronse en pouco tempo nunha maqueta homónima e no seu primeiro disco: Aspiracións mínimas e urxentes. Toda unha declaración de intencións: “temos un pasado do que sentirmos orgullosas e agora tócanos mover ficha”.
Ezetaerre formouse coa vontade de utilizar a música como ferramenta, sempre coa clara intención de mudar a nosa realidade. “Sabemos que temos todo un mundo que cambiar e que a cultura, paso a paso, é unha das trincheiras que hai que conquistar. Seguiremos dignas, humildes e solidarias. Seguiremos facendo música para o pobo, na lingua do pobo”.
En Novembro do 2017 presentan 100 (Cen): un maxi single de tres temas coa colaboración de Banda Bassotti e que suporá un novo paso adiante e a constatación de que Ezetaerre será unha das bandas de referencia do hip hop máis combativo.
comments powered by Disqus