Domingo 15 abril de 2018 • 20:30 h Música | 6€ con consumición mínima
Ghost Beast
Ghost Beast nace dun encerramento de 9 meses, onde o propio illamento persoal inspira e dá lugar a un grupo de cancións que acaban conformando un disco (Winter’s Horn, 2018) e case á vez, unha banda. A temática intimista do disco, impregnada da propia experiencia do illamento dita as tonalidades musicais que predominan no proxecto.
Musicalmente a banda bebe tanto da electrónica como do art-pop, sempre nas súas versións máis solemnes, profundas e menos festivas, os sintetizadores gañan en protagonismo ás guitarras, que non están esquecidas e os ritmos programados entrelázanse con baterías en arranxos cun son moi contemporáneo e totalmente afastado da radiofórmula e do indie predominante. As cancións son amplas e con espazo, minimalistas en moitos casos, evocadoras e envolventes, en todo momento fuxindo de lugares comúns, das fórmulas predominantes e dos dispositivos efectistas.
A banda está formada por Pachu Doblas, cantante, guitarrista e autor das cancións, e dous músicos de Jazz moi coñecidos da escena galega, Iago Fernández, batería e Xan Campos, pianista. En directo, o trío consegue que a proposta musical soe ampla, orgánica e espontánea. Sons espaciais dan paso por momentos a partes acústicas e estas á súa vez a improvisacións libres próximas ao jazz e todo se funde con naturalidade e sen perder o sentido de cada canción. As partes electrónicas interprétanse en directo sen recorrer a computadores e fúndense facilmente con guitarras, pianos e baterías nun estilo contemporáneo, elegante e cheo de emoción.
comments powered by Disqus