Ciclo de Documentais da Asociación Mozas e Mozos, tódolos vernes de novembro no Centro Social do Mar.
4 de novembro de 2010
A Asociación Mozas e Mozos de Beluso inaugura mañá venres, día 5 de novembro, unha nova edición do Ciclo de Documentais coa proxección de ‘Un mar de pedra’. O audiovisual sobre o proceso creativo do escultor Manolo Paz pasarase ás 22 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde. Os realizadores Xacobo Sanmartín e Manu Paz, fillo do artista, achegaranse ata Bueu para presentar a cinta e participar no posterior debate co público. Está por confirmar a presenza do propio escultor.
O monumento a Johan Carballeira, no paseo buenense, ou a máis recente cruz de granito que presidirá o altar instalado no Obradoiro para a visita do Papa a Santiago, son algunhas das obras de Manolo Paz. No entanto, ‘Un mar de pedra’ xira arredor do encargo que a galería compostelá SCQ lle fixo en 2007 e que constituiría a súa primeira exposición individual en Galicia despois dunha década. Tras os bocetos e probas iniciais, o artista ponse a traballar nas pezas Nube, Campo de Arroz e Escalinata.
O guión baséase no proceso que vai dende a procura na canteira da pedra máis axeitada ata a mostra ante o público, pasando pola actividade cotiá no obradoiro de Cambados. Intercálanse as intervencións de personaxes relevantes na vida do escultor que poñen de manifesto súa evolución persoal e artística. Artéllase así unha metáfora entre o proceso creativo e a traxectoria vital de Manolo Paz: dende a xestación até a madurez.
O Ciclo de Documentais organizado por Mozas e Mozos, coa colaboración da Concellería de Cultura, continúa o venres 12 coa cinta ‘Linguas Cruzadas’, codirixida por Mónica Ares e María Yáñez. O día 19 proxectarase ‘Galeg@s universais, Historias do mar’, de Lukas Santiago. O 26 de novembro pecharanse os pases con ‘Pequenas doses de supervivencia: os rostros do comercio xusto ecuatoriano’, unha proposta da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) que culminará cunha degustación de produtos de comercio xusto.