Novas

‘Pequenas doses de supervivencia. Os rostros do comercio xusto ecuatoriano’, vernes 26 no Centro Social do Mar como peche do ciclo de docuemntais de Mozos e Mozas

26 de novembro de 2010

O Ciclo de Documentais organizado en Bueu (Pontevedra) pola Asociación Mozas e Mozos de Beluso péchase mañá venres, 26 de novembro, coa preestrea de d. O público que se achegue ás 22 horas ata o Centro Social do Mar terá a oportunidade de ver en primicia, con entrada de balde, o audiovisual elaborado pola ONGD Amarante Setem e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). Representantes de ambas as dúas entidades participarán na proxección e, ao remate, haberá unha degustación de produtos de comercio xusto.

O documental testemuña o cambio iniciado nas comunidades agrícolas do Ecuador grazas ao comercio xusto e a cooperación internacional. Como exemplo, amósase o resultado da colaboración entre a ONGD galega Amarante e a Fundación Maquita, organización ecuatoriana de referencia no sector primario. O traballo conxunto conlevou unha mellora das condicións de vida nas capas mais baixas da sociedade, un avance na igualdade de oportunidades e un paso adiante cara a equidade de xénero.

A colleita, a manufactura do produto e mais a distribución e venda, dentro e fóra do país, son as tres fases do proceso produtivo que se recollen en ‘Pequenas doses de supervivencia. Os rostros do comercio xusto ecuatoriano’. Os propios campesiños relatan a súa experiencia neste documental filmado durante 15 días nos que un equipo de Agareso percorreu varias províncias do Ecuador da man da asociación Maquita. Esta organización apoia diversas cooperativas dedicadas á produción de cacao, cana de azucre e cítricos, para acadar un comercio xusto.