Novas

Pablo Trasno e Molestia, este fin de semana no Aturuxo

26 de abril de 2011

Venres, 29 abril de 2011 • 22:30 h | Circo -

Pablo Trasno (Novo Circo / Galiza) - 4 €

Podes soñar coa maxia, a risa, a emoción e a tenrura que che transmite un espectáculo cheo de diferentes combinacións circenses creadas por este artista, Pablo Trasno.

Capaz de facerte sorrir coas súas fazañas cómicas aparentemente improvisadas, capaz de facerte vibrar cos seus malabarismos traballados cunha técnica coidada, capaz de facerte voar cos seus números acrobáticos creados co esforzo dun adestramento físico constante e emocionarte ao remate do espectáculo polo humilde agradecemento sempre presente neste artista co seu público.

Pablo Trasno, á marxe de ser un creador nato, esfórzase para que cada día o seu traballo avance buscando novas formas de expresión para o seu traballo. Integra circo, música, danza e teatro para despois mostralo sobre un escenario ou na rúa. Este último espazo é o preferido por Pablo pola súa proximidade co público e polo respecto que sente pola xente que camiña polas rúas e se paran a ver o que sucede nun círculo pechado onde se mostra a súa actuación.

http://www.pistacatro.com

Sábado, 30 abril de 2011 • 22:30 h | Música -

Molestia (Punk/ Rock/ Hardcore, Bueu) - 4€ -
Debutan en Xullo de 2008, aínda que non teñen un estilo definido ou concreto, a súa música vai dende o rock-punk-hardcore, ata temas con certos tinxes metaleiros, cada membro do grupo aporta as súas propias influencias, obtendo así un estilo propio. Con uns directos potentes e de gran cercanía o público, buscando en cada momento a súa complicidade, presentan as súas letras cercanas, a súas vivencias e historias do día a día. Na súa corta traxectoria Molestia xa compartiu escenario con bandas como Gatillazo, Andanada 7, Guerrilla Urbana, Envidia Kotxina, Punk Guerrilla, ou os británicos G.B.H...

Nestes momentos Molestia esta presentando EP que é un adianto do que será o seu próximo CD.

http://www.myspace.com/molestiarock