Novas

Adianto do mes de marzo

4 de marzo de 2006

O que comenza o espectáculo, Bruyah, vén dende Maceda (Ourense) a presentar a súa segunda maqueta, "Blanco", onde o metal se mistura con sons máis melódicos, hip hop e rock máis clásico.

Despois vén Split 77 dende Euskadi cun novo punto de vista á hora de entender a mistura entre o pop, o rock e a electrónica. Actitude, bo gusto e unha sensibilidade especial e moderna para concebir a música. Intensidade e emoción. E todo elo cargado dun romanticismo que lembra as grandes bandas do xénero. Seis músicos en escena.

Domingo 12 tócalle o turno a Liorna, dende Marín (O Morrazo), que xa nos visitaron en dúas ocasións. Desta veñen presentarnos o seu novo disco "Ruído Branco"

Para os seguintes domingos imos introducirnos nas raíces flamencas con dúas bandas. O domingo 19 visítannos D'callaos, grupo de Cataluña, que se animan a vir ata Galiza dentro do programa Artistas en Ruta. Gañadores do Altaveu Frontera 2005, as súas influencias inclúen a Mártires del Compás, Triana, El Bicho, ou El Último de la Fila. O seu repertorio combina dende o flamenco clásico ata a fusión coa música latina, a árabe e o rock. Con sete músicos en escena, o grupo comenzou a traballar hai un par de anos.

O flamenco segue sendo a base das composicións de Nono García (domingo 26 de marzo) nas que se perciben influencias do jazz, do blues e de músicas orientais e brasileiras, estilos cos que pon de manifesto a súa persoal visión da música a través da súa guitarra mestiza. Está por confirmar a formación acompañante.